«Todas as administracións que foron convocadas á reunión sobre o futuro dos peiraos confirmaron a súa asistencia», explicou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen agradeceu a «receptividade para poñérmonos a traballar xuntos nun asunto de especial transcendencia para o futuro desta cidade e das vindeiras xeneracións». Rey valorou a reunión convocada para o vindeiro 23 de febreiro coa Xunta, Portos do Estado, Autoridade Portuaria, Deputación, ADIF e o Ministerio de Transportes como un dos feitos que exemplifican a recuperación do diálogo no actual mandato, coa «imaxe de todas as administracións sentadas á mesa para traballar polo futuro da cidade». Inés Rey destacou a oportunidade histórica que se abre coa liberación dos peiraos interiores, un espazo que a cidade ten que recuperar e incoporar de xeito armónico na malla urbana e que servirá, entre outras cousas, para ampliar os espazos verdes e de equipamentos públicos, tan necesarios no centro, e para solventar os problemas actuais de mobilidade.
41