Inés Rey destitúe do goberno á secretaria local do PSOE

1 minutes read

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destituíu do goberno local a ata agora edil de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón, tamén secretaria xeral do PSOE da cidade. Fontes do goberno municipal aseguran que a destitución responde á «nula» dedicación de Acón ás tarefas do goberno local. Deste xeito, estas fontes municipais xustifican a destitución ao criticar que, «a estas alturas do ano», a súa concellaría ten unha execución orzamentaria do «16%», o que fai «insustentable» que siga ocupando responsabilidades de goberno, «cunha dedicación exclusiva de 59.400 euros». En cambio, a secretaria local do PSOE coruñés remitiu unha carta á militancia na que sostén que a decisión se debe a que reclamou «as achegas que o Grupo Municipal Socialista e algúns concelleiros deben ao partido», cuxa agrupación local coruñesa vive «unha situación económica crítica» que lle impediu, entre outras cuestións, pagar o alugueiro da súa sede durante varios meses.