Inés Rey presenta o selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este venres o selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, que distinguirá aos peixes e mariscos que cheguen ao porto da cidade. Esta iniciativa partiu da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) e contou co apoio e a colaboración do Concello da Coruña.

No acto, celebrado no mercado municipal da praza de Lugo, amosouse a imaxe deste distintivo, que pasará a incorporarse na lonxa, nas peixarías, nos restaurantes e entre distribuidores. «Con este selo buscamos distinguir o excelente traballo de tratamento e manipulación do peixe e marisco fresco que chega á lonxa e se distribúe desde as súas instalacións», indicou a alcaldesa Inés Rey.

Este selo permitirá á cidadanía coñecer a orixe e tamén a calidade dos produtos que merca ou consume. O obxectivo é impulsar o consumo de peixes e mariscos locais, fomentar o seu coñecemento e poñer en valor a súa calidade. Porcúrase tamén o fortalecemento do sector pesqueiro coruñés, «un dos principais motores socioeconómicos da cidade», apuntou a alcaldesa. A lonxa da Coruña é líder en descarga de peixe fresco, con máis de 33.000 toneladas ao ano e un valor do produto de máis de 60 millóns de euros.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha