Despois das dúas primeiras rutas, unha a pé e outra en bici, da Semana Europea da Mobilidade, a rede de sendas ciclopeonís Cicl-Ando Carballo seguirá protagonizando as actividades programadas pola Concellaría de Mobilidade, porque esta semana chegará todos os centros públicos de primaria o xogo de mesa infantil elaborado polo Concello de Carballo para promover a mobilidade sostible e segura entre a rapazada.
Con esta e outras iniciativas, Carballo participa un ano máis na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes.
As actividades comezaron o venres 16 cunha ruta a pé polas sendas da rede Cicl-Ando que levou ás persoas participantes, unha trintena, ata o polígono de Bértoa. A participación foi moi similar o sábado na ruta en bici que se realizou ata Razo coa colaboración do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino. Este domingo celebrouse o Día sen Coches con actividades infantís en distintas rúas: Mahón, unha vez máis en colaboración coa veciñanza; Eduardo Pondal, e o eixo formado por Concepción Arenal, Valle-Inclán e Cervantes. Todas estiveron pechadas ao tráfico rodado e de 11.00 a 14.00 horas ocuparonse con xogos de todo tipo: xigantes, tradicionais, obstáculos… nenos e as nenas pasaron unha mañá de entretemento converténdose en protagonistas do espazo público.
Ademais celebráronse outras dúas actividades programadas por entidades locais: a ruta en bicicleta por Sísamo organizada pola asociación de veciños Santiago Apóstol, e a andaina solidaria polo paseo do Bosque, promovida pola Asociación Española contra o Cancro en Carballo.
Este luns coa colaboración da asociación ambiental Senda Nova, haberá unha nova ruta a pé que levará ás persoas participantes polo treito máis descoñecido da Ruta dos Muíños do Pan.