Informe favorable da Xunta ao proxecto de Adif para a obra da estación de San Cristóbal


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta deu o visto e prace ao proxecto de ADIF para a remodelación da estación da Coruña-San Cristóbal. O representante do Goberno autonómico destacou que a proposta tramitouse pola vía de urxencia, ao tratarse dun proxecto ferroviario estratéxico para a cidade.

A proposta de ADIF tivo un informe favorable de Patrimonio, pero tamén recolle unha serie de recomendacións para a conservación do edificio histórico protexido. A estación de tren actual, que foi proxectada no ano 1927 por Antonio Gascue Echevarría e na que remataron as obras no ano 1943, tivo varias transformacións e agora necesita unha nova adaptación para a mellora do tráfico ferroviario.

Neste sentido, a Comisión de Patrimonio suxire que as obras que se acometan deben permitir unha correcta lectura do edificio orixinal sendo capaces así de preservar os valores históricos do inmoble e adaptalo ás novas funcionalidades.

Entre as consideracións destacan que o módulo comercial proxectado baixo a marquesiña histórica sexa o máis liviá posible, de tal xeito que non deturpe os valores do volume orixinal. Ademais, recoméndanse que as marquesiñas proxectadas na fachada noroeste da estación sexan o máis sinxelas e liviás posibles para que permitan visualizar claramente o edificio histórico.

En relación á pasarela de acceso, que unirá as avenidas de Sardiñeira e do Ferrocarril, a Comisión considera que esta estrutura debe ser tamén o máis sinxela e lixeira posible de tal xeito que teña o menor impacto visual.

O informe recomenda tamén que o tratamento das novas cubertas proxectadas teñan uniformidade coas cubertas do edificio orixinal. E propón que a modulación das fachadas do novo edificio manteña o ritmo da fachada do edificio orixinal para permitir unha lectura integradora.