Ingresa na UCI en Vigo unha nena de 9 anos con covid


Unha nena de nove anos permanece ingresada na unidade de críticos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, contaxiada por coronavirus cunha síndrome rara. A pequena, que evoluciona de xeito favorable, padece a síndrome inflamatoria sistémica relacionada coa covid, coñecida como SIM-PedS.

Os médicos mesmo agardan que a nena poida abandonar a unidade de críticos nos próximos días. A maioría das infeccións por covid en pequenos son leves. Aínda que esta síndrome que padece a pequena ingresada no Cunqueiro pode dar lugar a un cadro grave de shock e miocardite ou tamén a enfermidade de Kawasaki, un shock tóxico ou unha sepse.

Esta síndrome xa se deu en polo menos catro cativos de Galicia nas áreas da Coruña e Santiago. Todos eles curáronse. E aínda que comparte coa covid síntomas ten algúns doutro signo.