Os populares José Oreiro e Marisol Piñeiro, exrexedor e extenente de alcalde de Carnota, respectivamente, foron condenados a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación administrativa en contratos de traballo subscritos durante o seu mandato no municipio. Así se desprende do fallo emitido pola maxistrada do Xulgado do Penal número 4 da Coruña. O BNG da localidade, que exerceu a acusación popular, advertiu que a decisión, tras facerse firme, «non pode ser máis contundente» a pesar da «enorme dilación» do proceso, que se prolongou «máis de sete anos».