- Durante a execución dos traballos a entrada e a saída do mercado realizaranse pola rúa Gran Vía
Este luns procedeuse ao peche do acceso ao mercado municipal de Carballo desde a Praza do Concello debido á segunda fase das obras de reforma. Neste caso, instalarase un ascensor que «mellorará a accesibilidade ao edificio favorecendo aínda máis a súa integración coas feiras», destacaron desde o Goberno local. Durante a execución dos traballos, que teñen dous meses de prazo, a entrada e a saída ao mercado realizaranse pola rúa Gran Vía.
Estas obras, xunto coas da primeira fase, foron adxudicadas á empresa Desarrolla Obras y Servicios. O Concello de Carballo conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros, repartida en dúas anualidades, para levar a cabo a reforma completa, que practicamente acada os 300.000 euros de orzamento.
A instalación do ascensor, que se financiará con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019, permite «modernizar e revitalizar a tradicional praza de abastos para adaptar as instalacións ás demandas dos seus usuarios e usuarias», podendo así entrar a formar parte da rede de mercados excelentes de Galicia. Con ese mesmo obxectivo, dende a Concellaría de Feiras e Mercados estase a traballar no próximo concurso de adxudicación dos postos.