A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de execución dunha nova senda na AC-552 na contorna do centro de control da autovía AG-55, ao paso pola parroquia de Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños.
Os traballos, cun investimento de preto de 50.000 euros, céntranse na construción dun novo itinerario de uso fundamentalmente peonil na marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 48,1 e o 48,4, que dará servizo aos operarios do centro de control da AG-55 e aos veciños dos núcleos de Cazón, Camafreita e Denellón.
Con esta intervención tamén se conectarán as vivendas que están paralelas á AC-552, onde actualmente os peóns circulan pola beiravía ao non dispor de sendas na marxe da estrada.
O novo itinerario en execución terá preto de 300 metros de lonxitude cunha anchura media de 1,80 metros. Será de base de saburra artificial, de 10 centímetros de espesor, que servirá de soporte ao pavimento da senda, e de cor terrizo natural.
Entre os quilómetros 48,20 e 48+27 a cota da senda será inferior á da estrada para adaptarse ás entradas existentes.
Disporase, ademais un colector, que conectará coa rede de drenaxe actual e ao que desaugarán unha serie de sumidoiros dispostos ao longo da traza do itinerario. Tamén se executarán pozos de rexistro.