Iniciada a contratación da primeira fase da reforma do Pazo da Cultura de Carballo

Imagen del Pazo da Cultura_Concello de Carballo

  • Na Xunta de Goberno local tamén foi adxudicada a segunda fase do proxecto de mellora do Mercado Municipal

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o expediente de contratación da primeira fase das obras de reforma do Pazo da Cultura, que conta cun orzamento de 428.600,63 euros. Tamén foi adxudicada a segunda fase da reforma do Mercado Municipal por 88.184 euros. Ambos proxectos serán financiados con cargo ao remanente do 2019.

Así, xa están en macha a maioría das obras incluídas en dito remanente como a accesibilidade en beirarrúas da zona A Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra (adxudicada); a seguridade no polígono industrial de Bértoa por 181.300 euros (presentáronse dúas ofertas); a rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega por 368.311,59 (adxudicada), así como en Cambre de Lema e Cambrelle-Razo por 416.971,86; a primeira fase da ampliación do cemiterio municipal, cun orzamento de 699.520,70 (hai dúas ofertas presentadas); a fase inicial da reforma do Pazo da Cultura por 428.600,63 (aprobado o expediente de contratación) e do centro social do barrio da Milagrosa (adxudicada por 147.317 euros); a substitución de cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”, que foi adxudicada por 255.312,90 euros; a segunda fase da reforma do mercado, que xa foi adxudicada por 101.000 euros, e a reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil. Esta actuación, á que se presentaron dúas empresas, conta cun investimento de máis de 80.000 euros.

Só quedan pendentes de licitar a reurbanización da rúa Pontevedra, cun orzamento de 151.344,30 euros, e a das rúas Ourense e Baños Vellos, por 294.631,77.

Outros acordos
En materia de contratación, na sesión tamén se acordou encargar á empresa Lagares Oca a asistencia técnica para a inspección e auditoría do contrato do Ciclo Integral da Auga, por un importe de 27.796,19 euros. Ademais, declarouse deserta a adxudicación do contrato da asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM) por non terse presentado ningunha empresa, e acordouse iniciar un novo procedemento de contratación deste servizo por un orzamento anual de 17.719,19 euros e unha duración máxima de catro anos, prórrogas incluídas.

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable do ámbito de Conservas Calvo e seis licenzas de obra, entre elas dúas para naves no polígono de Bértoa.