Trátase da construción dunha senda de 2,5 metros de ancho para uso de ciclistas non deportivos e peóns paralela a esta estrada autonómica: pola marxe dereita, desde o punto quilométrico 7,2 ao 8,5; e pola marxe esquerda, desde o punto 9,8 ao 9,9.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achega a estas obras un investimento que supera os 465.000 euros, tras incorporar o presente proxecto varias das alegacións e suxestións presentadas ao mesmo.
Este novo itinerario facilitará o acceso á piscina pública que dá servizo aos concellos de Mugardos e Ares.
O proxecto prevé a diferenciación de pavimento en función de se a senda percorre terreo máis urbanizado ou rústico e na súa execución téñense en conta elementos como peches de terreos edificados, poste de liñas eléctricas de media tensión e a rede de drenaxe existente.
A intervención compleméntase coa ampliación do paso peonil no entorno do punto quilométrico 9+900 para solucionar o estreitamento na actual beirarrúa existente.
Con respecto ás melloras que incorpora o proxecto, cabe destacar a prolongación dos itinerarios ata entroncar co existente no entorno da glorieta situada no punto quilométrico 8,5 da AC-133, dispoñendo novos pasos de peóns coa correspondente sinalización.
Tamén se reformará a pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7,7, co fin de que teña unha pendente máxima do 6%.
Ademais reporase un treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro entre os puntos quilométricos 9,8 e 9,9.