Iniciada a instalación da nova ponte do Parque do Anllóns, en Carballo

1 minutes read
  • Esta infraestrutura, que estará activa nuns días, conta cun investimento de 44.000 e pretende solucionar os problemas de accesibilidade e mantemento

Este luns comezou a instalación da nova pasarela do Parque do Anllóns coa que o Concello agarda solucionar os problemas de accesibilidade e mantemento da anterior. Esta ponte de metal e formigón tamén é máis elevada debido ao elevado risco de inundación que supón o río ao seu paso pola zona urbana. Esta nova infraestrutura, construída e instalada pola empresa de José Ramón González Campos, supuxo un investimento de 43.974,03 euros.

A anterior ponte de madeira tivo que ser retirada despois de vinte anos pola falta de seguridade que representaba dados os danos acumulados na estrutura. Augas de Galicia, o organismo autonómico que debe autorizar calquera actuación nas zonas de ribeira, aprobou a colocación da nova ponte en setembro do ano pasado mentres que a sinatura do contrato coa empresa adxudicataria se realizou en decembro. A pesar disto, a instalación non se iniciou ata esta semana debido «aos problemas de subministro de material», sinalan desde o Concello.

As obras xeraron unha importante expectación, dado que a colocación da ponte era unha demanda veciñal reiterada. O alcalde, Evencio Ferrero, xunto aos concelleiros Juan Seoane e Milagros Lantes, tamén se achegaron para ver os traballos.

Por outra banda, o Concello de Carballo tamén procedeu nos últimos meses á reconstrución do palco da música e da rampla de acceso ao río con madeira tratada.