Iniciada a reforma das urxencias do Hospital de Cee cun investimento de 1,1 M€

1 minutes read

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, remarcou este venres en Cee que, cando rematen estas obras, “as urxencias de Cee contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias”. Ademais, incorporarán un novo control de enfermería para ese dobre circuíto.

Xunto ao anterior, as urxencias engadirán aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados, outros cinco boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Tamén incorporarán unha nova sala de traballo médico e unha nova sala de traballo de enfermería, e engadirán novos aseos para pacientes e para o persoal, así como un dormitorio para o médico de garda.

A responsable do Sergas incidiu en que, para dar apoio ao hospital durante as obras, o departamento sanitario galego desprazou a Cee os dous puntos de atención móbil dos que dispón, “perfectamente equipados para a prestación asistencial, e que estarán a disposición do persoal”.