Iniciada a solta do parasito torymus sinensis para a loita contra a avespiña do castiñeiro

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural vén de iniciar a solta de 1,6 millóns de individuos do parasito Torymus Sinensis para consolidar a súa loita contra a avespiña do castiñeiro. A Xunta investirá máis de 2,2 millóns de euros en 2021 para combater a praga con este método natural.

En concreto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal comezou estes días a realizar as primeiras soltas nas comarcas da Coruña e Pontevedra, onde as condicións meteorolóxicas permitiron que os castiñeiros xa brotasen. Nas vindeiras semanas, os traballos acadarán tamén as provincias de Lugo e Ourense.

Nesa liña, cómpre sinalar que o momento da solta depende de cando comezan a medrar as follas dos castiñeiros e, por tanto, as bugallas. Así, cando hai un número suficientes de bugallas nun souto procédese á solta dos parasitos. Cabe destacar que o número de Torymus sinensis a soltar depende da superficie de soutos e plantacións de castiñeiro existentes, co obxectivo de que o parasito comece de forma natural a súa expansión e protexa así estes enclaves naturais.

Para levar a cabo os traballos, Medio Rural volve contar este ano coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e de distintas cooperativas e asociacións relacionadas co manexo dos soutos e a produción de castañas, que facilitan os datos do momento en que brotan as follas dos seus soutos para optimizar as soltas dos parasitos.

Cabe lembrar que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. De aí a importancia de seguir apostando por un método capaz de frear o avance e diminuír os danos que ocasiona a praga da avespiña nos castiñeiros.