Iniciadas as obras de reforzo da seguridade viaria na estrada AC-453 ao seu paso por Ames


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou este venres a execución das obras de mellora da seguridade na estrada autonómica AC-453, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, ao seu paso polo concello de Ames.
A actuación desenvólvense no tramo desta estrada autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 1+840 e 3+410.
Os traballos céntranse nos puntos desta vía con baixa visibilidade para os vehículos que circulan en dirección a Roxos, en sentido decrecente, e tamén en tramos comúns con beiravías.
Trátase de actuacións deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.
Máis en concreto, neste tramo da estrada AC-453 as actuación inclúen a sinalización dos cruzamentos da estrada e a disposición dun espello para facilitar a visibilidade. Tamén se realizará a limpeza de beiravías e a reposición de baldosas danadas.
Ademais as actuacións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.
Esta intervención está incluída nas 70 actuacións que se executarán este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.