Esta é a época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
Unha empresa especializada no control de pragas está a colocar un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas de titularidade pública.
Ao mesmo tempo, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía nesta campaña. A partir do luns calquera veciño empadroado no termo municipal da Laracha poderá solicitar atraínte de balde tanto no Edificio Administrativo da Laracha como no viveiro de empresas do polígono industrial, co compromiso de contabilizar as raíñas capturadas e trasladar a información cada quince días á empresa que vai realizar o seguimento para coñecer os puntos do concello nos que existe unha maior presenza de velutinas.
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar aos teléfonos 012 ou 112 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia para proceder á súa eliminación en virtude do convenio entre o Concello, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Fegamp.