Iniciada unha campaña informativa dirixida aos consumidores sobre a nova tarifa eléctrica


O Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), pon en marcha unha serie de iniciativas para informar e asesorar á cidadanía galega ante as posibles dúbidas xeradas pola nova tarifa eléctrica posta en marcha polo Goberno central o pasado 1 de xuño.
Así, na páxina web de consumo pódese atopar información sobre os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta–, nos que o custo da enerxía será máis barata ou máis cara dependendo da hora do día e da semana –as fines de semana e festivos nacionais aplícase a tarifa máis barata–; así como respostas ás dúbidas relacionadas coa contratación de potencia ou sobre como será o novo recibo da luz, entre outras cuestións.
Cabe destacar que, en función das necesidades de cada fogar, o consumidor pode contratar a potencia que precisa en función dos metros cadrados e electrodomésticos que teña na súa vivenda e, tanto desde o IGCC como desde o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), recomendan o uso de calculadoras de potencia para conseguir o máximo aforro.
O Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na mesma web, onde se creará un apartado de preguntas e respostas, así como se ofrecerán consellos e boas prácticas para axustar a factura. Tamén se pode obter información e consellos prácticos a través da páxina web do Inega.