Iniciadas as charlas informativas sobre o Carballo Coworking nos institutos da Costa da Morte

Alumnado do obradoiro dual 'Camiño do solpor IV' en Cee_Concello de Carballo

  • Persoal técnico e usuarios visitaron o alumnado do obradoiro dual de emprego Camiño do solpor IV, en Cee, ademais do IES Terra de Soneira de Vimianzo e o Eduardo Pondal de Ponteceso

Dentro da campaña de promoción e difusión que está levando a cabo o Carballo Coworking pola Costa da Morte, esta semana foi a quenda de visitas en obradoiros de emprego e centros de educación secundaria.

A primeira parada tivo lugar este martes na Casa da Cultura de Cee, ata onde se achegou o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Camiño do solpor IV para coñecer o funcionamento do espazo colaborativo situado no Fórum Carballo e os beneficios e prestacións que ofrece aos usuarios/as que optan por este modelo para poñer en marcha os seus proxectos empresariais. Na mesma xornada celebrouse outro encontro con estudantes de Economía de 4º da ESO e dos ciclos de formación profesional do IES Terra de Soneira de Vimianzo, que aproveitaron a ocasión para despexar algunhas dúbidas sobre o sistema de traballo colaborativo.

IES Terra de Soneira

Ademais de información técnica sobre o espazo e o seu funcionamento, os participantes tiveron a oportunidade de escoitar aos verdadeiros protagonistas desta iniciativa como o carballés Óscar Vázquez Abelenda, deseñador gráfico de Ouvea Creatividade Gráfica, quen narrou a súa experiencia como usuario desta 2ª edición ao tempo que puxo en valor a existencia destes espazos que «permiten reducir ao mínimo os custes e relacionarte con outras persoas que están pasando polo mesmo ca ti», subliñou.

As charlas continuaron este mércores 11 no IES Eduardo Pondal de Ponteceso coa participación, ademais, doutro usuario da 1ª edición. David Moa, deseñador web e creador de agarimo.online, sumouse ao encontro co alumnado de Economía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial e ciclos formativos para explicar o seu paso polo coworking e animar á mocidade a facer uso destes recursos «totalmente gratuítos e moi valiosos á hora de emprender».

As sesións informativas retomaranse o día 23, de 13 a 14 horas, no IES Isidro Parga Pondal de Carballo. As persoas interesadas en formar parte do Carballo Coworking poden solicitar máis información achegándose de luns a venres, de 09.30 a 15.00 horas, ao 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo; a través da páxina web www.coworkingcarballo.gal ou chamando ao 881 983 520.