- O Concello destina a este proxecto uns 35.000 euros
Esta semana comezaron as obras para crear unha área de recreo canino no núcleo urbano da Laracha, nunha parcela de titularidade municipal situada na confluencia das avenidas Bos Aires e Manuel Fraga. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, mantiveron unha xuntanza co responsable da empresa contratista, SYR-AMG, e o director de obra para coñecer o resultado dos primeiros traballos, consistes na instalación do peche perimetral da finca. Este proxecto contará cun investimento de preto de 35.000 euros, financiados integramente con fondos municipais.
O Concello promove esta iniciativa «ante o notable incremento na cifra de cans de compañía existentes nas zonas urbanas» e co obxectivo de que estas teñan á súa disposición «un espazo público amplo e cun equipamento especialmente pensando para que poidan xogar, realizar exercicios para manter a saúde e favorecer a socialización con outros cans».
A parcela que albergará a área de recreo canino presenta unha superficie duns 1.300 metros cadrados. Haberá varios espazos adaptados ás necesidades e características das diferentes razas. O acceso ao recinto contará con dobre porta e un valado perimetral, unha marquesiña con banco, unha fonte de dobre uso para persoas e mascotas, un dispensador de bolsas, un contedor de excrementos, unha ducha e bebedeiros de auga potable.