Iniciadas as obras da estrada AC-190 ao seu paso polo núcleo dos Regos, en Oleiros


A intervención, que conta cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, terá un prazo de execución estimado de 2 meses.

Os traballos céntranse na execución dunha cuneta de seguridade no treito da marxe dereita da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 1+390 e 1+770, e na marxe esquerda conectará coa cuneta existente no quilómetro 1+620.

A estrada AC-190 ao seu paso polo lugar dos Regos dispón de cunetas profundas en terra en ambas as marxes. Co fin de mellorar a seguridade viaria e evitar perdas de material nas cunetas polo discorrer da auga, proxéctase esta actuación neste treito da estrada no que o trazado é máis sinuoso.

As obras inclúen os traballos de escavación e recheo en cuneta mediante chan seleccionado e zahorra artificial, así como a execución de cuneta triangular en formigón de seguridade, remontable, de 1,5 e 2 metros de ancho, en función do punto. Tamén se realizarán tarefas de canalización de pluviais.