Iniciadas as obras da senda peonil e ciclista na AC-213 na Telva, en Cambre e Culleredo

1 minutes read

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de 8 meses, ten como obxectivo a execución dunha senda de 680 metros de lonxitude na marxe da estrada da Xunta: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

A intervención céntrase na execución dunha senda, que se desenvolve entre os puntos quilométricos 1,8 e 2,3, e que se configurará en dous itinerarios diferenciados.

O primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial DP-1702.

O outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorrerá en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, a actuación prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

A actuación conta con financiación dos fondos europeos Feder React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.