Iniciadas as obras da senda que unirá Arteixo e Lañas

1 minutes read

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou este xoves o inicio destes traballos nos que a Xunta investirá 868.000 euros cofinanciados con fondos FEDER 2021-2027. O novo itinerario, de uso compartido peonil e ciclista, estenderase ao longo de máis dun quilómetro de lonxitude na estrada AC-552.

A senda, de 2,5 metros de ancho, conectará coas beirarrúas e favorecerá o corredor peonil-ciclista metropolitano que xa existe na contorna de Arteixo. Ademais, a actuación completarase coa habilitación dunha franxa de xardín para separar o itinerario do tráfico, a mellora dunha parada de autobús e novo alumeado público.

A conselleira subliñou o compromiso da Xunta coa mobilidade sostible e con seguir dotando destes itinerarios ás estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos seguros das persoas “e continuar tamén embelecendo as nosas vilas e cidades”. Allegue indicou que as obras desta senda teñen un prazo de execución de 6 meses, de xeito que será unha realidade no vindeiro 2027.

A actuación súmase a outras anteriores levadas a cabo nesta estrada AC-552, como os treitos de senda entre Pastoriza e Vilarodís, así como intervencións de reforzos de firme, ampliación da calzada, ou mellora da seguridade en paradas de autobús.

”Seguiremos traballando ao abeiro do noso Plan de Sendas da Xunta-destacou- para seguir a sumar quilómetros de infraestruturas de mobilidade sostible para fomentar a seguridade das persoas”.