Iniciadas as obras de estabilización do muro do aparcadoiro do Materno Infantil da Coruña


As actuacións consistirán na reconstrución do muro que sufriu desprendementos como consecuencia do estado dunha tubaxe existente na zona e das fortes chuvias de decembro.

O obxectivo dos traballos que se van levar a cabo é reforzar a estabilidade desta infraestrutura coa fin de garantir a seguridade nesta contorna.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L. por máis 48.000 euros, teñen un prazo dun mes.

A reparación comezará coa retirada do material para a posterior execución do muro co correspondente recheo. A continuación, construirase o muro de coieira e reporanse os servizos afectados como o alumeado público, o abastecemento ou a xardinería.

Tamén se reporá o tramo de beirarrúa afectado, mediante a nova instalación de bordo prefabricado de formigón e pavimento de baldosa hidráulica. Ademais colocarase unha varanda de protección de peóns.