- As actuacións, que comprenden varias parroquias, serán pagadas con fondos municipais e contarán cun orzamento de 50.000 euros
As estradas de titularidade municipal que pasan polas parroquias larachesas de Montemaior, Soandres, Coiro, Lemaio, Lendo e Cabovilaño xa están sendo acondicionadas grazas ao proxecto municipal de limpeza e conservación de cunetas ao que o Concello destina 50.000 euros de fondos propios.
O obxectivo destas intervencións é mellorar as condicións das vías e dotalas de maior capacidade de evacuación para ofrecer máis seguridade viaria ao favorecer a drenaxe, así como evitar que se xeren encharcamentos tanto nas estradas como nas propiedades limítrofes.
Os traballos inclúen a completa limpeza das cunetas, tubos e gabias, a formación do arcén e o perfilado dos noiros. O proxecto contempla intervencións a ambas marxes das estradas e a mellora dun total de 37 quilómetros lineais de cunetas. En concreto, as vías obxecto das actuacións afectan na parroquia de Montemaior aos núcleos de A Panela, O Viso, Goexe, Propeste, Santa Margarida, O Canedo, A Chamusqueira, Nebrexe, As Cernadas, A Pena, A Baiuca, A Castiñeira, A Casanova, A Fieira, Vilariño, A Medorra, Casas Longas e O Igrexario; en Soandres a O Priorato, As Senras e Encián; en Coiro a Gudís, O Pazo Vello, A Painceira e O Casal do Monte; en Lemaio a Pedrarrubia, O Pereiro, O Igrexario, A Fraga e A Pedreira; en Lendo ao acceso a O Bastón e en Cabovilaño á estrada entre O Feal e A Rega.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, desprazáronse este mércores á estrada que comunica Santa Margarida con O Canedo, en Montemaior, para interesarse polo inicio dos traballos.