Iniciadas as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no CHUO


Os traballos no hospital universitario de Ourense buscan favorecer os desprazamentos a pé, para o que se inicia a execución das novas beirarrúas e ampliaranse as actuais, dispoñendo pasos peonís elevados e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas. Tamén na contorna do hospital público disporase pavimento podotáctil para facilitar a mobilidade das persoas con dificultades de visión. Trátase de reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade na contorna deste hospital público, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario. As obras permitirán, ademais, mellorar a seguridade, reforzando a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, que permitirán tamén maior fluidez na circulación. Ao tempo, habilitaranse áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos.