Iniciadas as obras de mellora da seguridade viaria no cruce da PO-214 en Pontecesures

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de mellora integral da seguridade viaria no cruce da estrada autonómica PO-214, no núcleo urbano de Pontecesures, cunha actuación que contempla a instalación de semaforización, bandas redutoras e outras medidas cun investimento de máis de 48.000 euros.

A actuación, proxectada para o cruce de entrada e saída de Pontecesures entre a N-550 e a estrada PO-214 en dirección a Baloira (A Estrada), abrangue un ámbito de actuación de 400 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+500 e foi adxudicada á empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa SL.

As obras consisten na sobreelevación do paso de peóns existente, a instalación de catro redutores de velocidade, a colocación dunha banda transversal de alerta no carril esquerdo á altura do punto quilométrico 0+465 e a instalación dun completo sistema semafórico, dotado con cinco grupos de focos, á altura do punto 0+350.

Así mesmo, está previsto que se coloque nova sinalización vertical, se proceda á reposición das marcas viarias, se retranquee un báculo de iluminación pública e se constrúan novos sumidoiros na contorna das obras.