Iniciadas as obras de mellora do firme en dous tramos antigos da estrada AC-432 en Vimianzo


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, supervisaron o inicio das obras de reforzo de firme nos antigos tramos da estrada AC-432 nos puntos quilométricos 2 (Calo-Bribes) e 7 (Tras do Cean) en Vimianzo. As actuacións previstas foron adxudicadas á empresa Vázquez y Reino e contan cun orzamento de case 46.000 euros.

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme destes dous treitos nos que se realizará a limpeza das marxes da calzada e a reapertura de gabias de drenaxe lonxitudinal. Posteriormente colocarase unha capa de mestura bituminosa en quente para regularización nas zonas que o precisen, cun espesor medio de 3 cm para proceder a continuación á extensión dunha capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor sobre a totalidade do firme existente

Tras a execución das obras estes treitos serán obxecto dun expediente de cambio de titularidade en favor do concello de Vimianzo, ao non ter xa funcionalidade na rede autonómica de estradas.