Iniciadas as obras de mellora de seguridade viaria na rúa San Martiño de Paiosaco, na Laracha

1 minutes read
  • O proxecto supón un investimento de 35.000 euros a financiar integramente con fondos municipais

Xa están en marcha as obras para reforzar a seguridade viaria na rúa San Martiño, situada no casco urbano de Paiosaco e que dá acceso ao núcleo da Agrela. A fase inicial da intervención consiste na instalación da canalización soterrada da rede eléctrica ao longo dunha distancia lineal duns 150 metros, o que permitirá «a eliminación dos catro postes do actual tendido aéreo que se atopan nesa zona», destacan desde o Concello da Laracha.

Con estas intervencións a calzada alcanzará unha amplitude máxima de sete metros e medio, reforzándose así a seguridade viaria tanto para a circulación rodada como para os peóns. O proxecto supón un investimento de 35.000 euros a financiar integramente con fondos municipais.