Iniciadas as obras de mellora na estrada que une O Chamusco con Arén, na Laracha

Estrada O Chamusco-Arén_Concello da Laracha

  • O proxecto, valorado en 70.000 euros, contempla a ampliación da calzada, pavimentación e sinalización

Xa están en marcha as obras de execución do proxecto de mellora da estrada que discorre polos núcleos do Chamusco e Arén, na parroquia larachesa de Cabovilaño. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Jesús Souto, desprazáronse ata o lugar das actuacións para manter unha reunión co director de obra e interesarse polo desenvolvemento dos primeiros traballos.

Para posibilitar a execución da intervención será preciso proceder ao corte temporal á circulación da vía desde O Cancelo de Abaixo e ata Arén. Isto farase a partir deste xoves e durante varios días. Só se permitirá o acceso ás vivendas aínda que como estradas alternativas ofrécense a AC-552 e as do parque empresarial.

O proxecto inclúe a ampliación da calzada, a renovación do pavimento e a sinalización horizontal e vertical. Con esta intervención, valorada en 70.000 euros, preténdese dar resposta «ás necesidades que presenta a estrada ante o incremento de tráfico que está a rexistrar polo seu emprazamento próximo ao polígono industrial», aseguran desde o Concello.