Iniciadas as obras de reforzo do firme na estrada AC-550, entre Noia e Ribeira


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de reforzo do firme na estrada AC-550, entre Noia e Ribeira, que suporán un investimento de máis de 2,6 millóns de euros.

Trátase do reforzo do firme no treito que une Noia e Ribeira pasando por Porto do Son, entre os puntos quilométricos 69,5 e 107,8, onde tamén se proxecta a execución dun cambio de sentido e dun carril central de espera.

Os traballos, cun prazo de 6 meses, suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por esta vía, moi frecuentada, especialmente en temporada de verán.

Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade dos habitantes dos tres municipios onde se realizarán as actuacións.

A intervención está encamiñada á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoa ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

O contrato tamén recolle a execución dun cambio de sentido no punto quilométrico 88,5, así como a formación dun carril central de espera para o xiro á esquerda no quilómetro 92,5, para o que será necesario ensanchar a estrada AC-550 cara á súa marxe esquerda.

Tamén se executarán pequenas melloras de drenaxe, limpeza de gabias, sinalización, balizamento e defensas.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego co fin de manter as estradas autonómicas en boas condicións e garantir desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios.