Iniciadas as obras de renovación de dúas rúas do núcleo urbano de Paiosaco, na Laracha

1 minutes read
  • As intervencións contan cun investimento de 65.000 euros, a cargo dos fondos municipais.

Este luns comezaron as obras de renovación do pavimento en dúas rúas do núcleo urbano de Paiosaco, na Laracha. O Concello financia integramente estas actuacións, que contan cun investimento de case 65.000 euros. Unha das rúas discorre por un dos laterais do campo da feira desde a Avenida Bergantiños e a outra, perpendicular a esta, é a rúa José Loureiro.

O proxecto afecta a unha superficie total de 4.210 metros cadrados que están a ser dotados cunha nova capa de aglomerado asfáltico, contemplándose a continuación a sinalización horizontal e vertical e o repintado das marcas viarias e das prazas de estacionamento de vehículos.

Polo seu emprazamento, a mellora destas dúas rúas facilitará a circulación para a veciñanza e aumentará a comodidade no acceso ao recinto feiral tamén para os vehículos pesados que, no primeiro e no terceiro domingo de cada mes, acoden a Paiosaco para desenvolver a súa actividade comercial.