A Consellería de Cultura, Educación e Universidade deu comezo ás obras de restauración do santuario de Nosa Señora das Virtudes de Arante, en Ribadeo, ás que destina preto de 185.000 euros e que están encamiñadas a evitar as humidades que deterioran os paramentos interiores, afectando ás pinturas murais.
O proxecto contempla tamén a substitución da cuberta de lousa, canlóns e baixantes; renovación dos acabados dos paramentos exteriores con morteiro de cal e posterior pintado; desmontado do falso teito para a colocación dun novo en madeira de castiñeiro, e a instalación de novas carpinterías e dun sistema de luces de tecnoloxía Led que mellore a iluminación ornamental das pinturas, entre outros traballos. O prazo máximo de execución será de seis meses
O santuario de Arante, dos séculos XVI e XVII, ten a consideración de Ben Catalogado Inventariado, co grao de protección II. Ademais, esta igrexa de estilo renacentista contén elementos únicos en Galicia, como son as pinturas murais de temática mariñeira, que datan do século XVI.
A igrexa ten relevancia cultural e histórica, como se lembra Romaxe das Cruces, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e que cada ano convoca aos veciños e veciñas de sete parroquias de Ribadeo e Trabada para conmemorar a vitoria sobre as tropas napoleónicas.
