Abegondo | Iniciadas as obras de tres colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes

2 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras de execución de tres colectores e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, no concello de Abegondo.

Esta actuación para a mellora do saneamento no municipio conta cun investimento conxunto de 910.000 euros e dispón dun prazo de execución de 5 meses.

A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Abegondo, polo que a Xunta financia o 83% do orzamento deste proxecto, correspondéndolle a achega restante á entidade local.

Os traballos teñen como obxectivo executar unha nova rede de saneamento que permita a captación das augas e que incorporará, para salvar a orografía do terreo, un sistema de impulsión das augas residuais que desembocará na rede de saneamento que xa hai instalada e desde aí á estación depuradora de Beldoña.

Esta nova intervención inclúe a execución de 3 conducións principais, complementadas con un pozo de bombeo, coa súa impulsión. O pozo de bombeo constará de 4 m3 de capacidade útil e estará equipado con dúas bombas cunha capacidade total de 4,34 l/s.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo que cando estea executado na súa totalidade permitirá completar integramente o saneamento das parroquias de Orto e Crendes.

Estas obras hidráulicas darán continuidade ás xa rematadas en 2019, nunha primeira fase, nestes núcleos de Abegondo, mediante a achega dun orzamento autonómico de 220.000 euros.

Os traballos xa acometidos consistiron na instalación de cinco colectores por gravidade, cun total de 4.200 metros de lonxitude, dúas impulsións de 1.939 e 1.479 metros respectivamente e dous pozos de bombeo.

O obxectivo destas actuacións é dotar estas parroquias dun sistema de saneamento e depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 1.500 habitantes desta contorna para o ano 2042.