Iniciadas as obras do firme na estrada autonómica AC-230 ao seu paso por Aranga


A Consellería de Infraestruturas iniciou as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-230, ao seu paso polo concello coruñés de Aranga. Esta intervención supón un investimento de preto de 50.000 euros. Os traballos prevén a rehabilitación do firme no treito da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 3 e 4,7.

Concretamente, procederase á reparación do firme mediante a mellora da capa de rodaxe en 5 centímetros de espesor nas zonas nas que se atope deteriorado, co fin de resolver as deformacións que presenta a rodaxe, reforzando así a seguridade viaria.

Prevese que os traballos de aglomerado se realicen entre hoxe e mañá, se as condicións meteorolóxicas o permiten. Restará, despois, a reposición de sinalización horizontal, que se levará a cabo uns días despois.