Iniciadas as obras do proxecto de mellora da contorna do Santuario da Barca, en Muxía

1 minutes read
  • A intervención tamén contempla a reconstrución da Fonte da Pel

Xa están en marcha as obras de mellora da contorna do santuario da Virxe da Barca de Muxía, que contará, segundo sinalan desde o Concello, cun «novidoso e vangardista sistema de sinalización e iluminación» para que os veciños e visitantes poidan desfrutar dunha «expereiencia única».

A intervención contempla a iluminación exterior do santuario e do camiño da Pel cun innovador sistema de luz indirecta. Tamén se procederá á instalación panelizada de elementos que darán «uniformidade á sinalética de toda a contorna cunhas pezas de coidado deseño», afirman desde o goberno local.

Reconstrución da Fonte da Pel

Finalizada a intervención a veciñanza poderá apreciar reconstruída a histórica Fonte da Pel, que na mesma obra recolle a súa rehabilitación supervisada por arqueólogos especializados.