Os traballos, que contan cun investimento autonómico de 725.000 euros, centraranse na execución dun itinerario de 820 metros de lonxitude, cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón en cor. As obras teñen un prazo de execución de 8 meses.
Xa comezaron as tarefas de tala e desbroce no espazo preciso para a senda. Dita senda iniciarase na contorna das naves do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.
No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2,2 da AC-301, a senda discorrerá polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.
O itinerario irá pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.
Ademais, na zona do punto quilométrico 2,4 mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo. No punto 2,5 reconstruirase a intersección na marxe dereita, mantendo a tipoloxía de semiglorieta.