Iniciadas as obras dunha nova senda peonil na estrada AC-305 en Burés, Rianxo

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou este luns as obras dunha nova senda peonil na estrada autonómica AC-305, en Burés, no concello de Rianxo.

Os traballos, que contan cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, céntranse na execución dun itinerario pola marxe esquerda da estrada AC-305, de 100 metros de lonxitude, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 10,1 e 10,2.

Con esta actuación aténdese unha demanda veciñal, dando acceso a unha parada de autobús nesa marxe da estrada, onde tamén se prevé a disposición dun refuxio para os usuarios do transporte público.

Os traballos en execución inclúen a limpeza e a escavación na marxe esquerda da estrada, no treito de actuación, así como a colocación dun colector de PVC de diámetro 400 mm, para a canalización das augas pluviais.

Tamén se acometerá o recheo con material seleccionado e o estendido de pavimento de 15 centímetros formigón, completándose co reforzo de firme, mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Este itinerario complementa a senda que se desenvolverá pola marxe dereita da AC-305 e que conectará A Casilla, O Araño e Burés.