A Xunta vén de comezar as obras de mellora da accesibilidade e conectividade de 63 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra.
En concreto, estas obras están a iniciarse polas paradas de autobús situadas na AC-543 na zona da Barcia, en Santiago de Compostela.
Os traballos suporán un investimento global de máis de 1,8 M€.
As actuacións inclúen a mellora deste conxunto de 63 paradas de autobús no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas, na propia AC-543, e noutras sete vías (AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, , AC-841 e AC-960).
Máis en detalle, as obras que se están a comezar permitirán mellorar 2 paradas en Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra.
As intervencións consisten no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.
No marco destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.
Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo arredor das paradas.
Ademais, as intervencións obxecto destas obras prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.
Como resultado da información pública, no proxecto definitivo adoptáronse varios cambios co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial, a accesos e a prazas de aparcadoiro.
Así, modificouse o deseño nun total de 7 paradas para adaptalas mellor á contorna. En concreto, estas modificacións inclúen variacións nunha parada en Urdilde; outra en Pontevea; nas de Cacheiras-Gardería e Cacheiras; nunha parada en Fontenla Campos; noutra no cruce de Sarandón; e na que se corresponde con Trobe 2.