Iniciadas as obras na estrada AC-840 entre Porzomillos e Oza, en Oza-Cesuras

1 minutes read

As intervencións, que suporán un investimento autonómico de preto de 454.000 euros, consistirán na construción dunha nova senda peonil e ciclista e na reordenación dunha intersección.

As obras realizaranse de xeito coordinado e simultáneo para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada, ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna.

Por unha parte, atendendo á solicitude do Concello, construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5,4 e 6,8, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

O itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, acometerase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade. Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase da mesma por un bordo de formigón.

Por outra parte, o proxecto inclúe a reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6.

Trátase da reordenación da intersección que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.