Iniciadas as probas do proceso de funcionarización da Xunta

A Xunta de Galicia vén de iniciar con normalidade as probas do primeiro proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo da Administración pública galega no recinto da Feira Internacional de Silleda en Pontevedra. Este sábado tivo lugar o exercicio para funcionarizar ao persoal laboral do grupo V na agrupación profesional de persoal funcionario (AP) cunha porcentaxe de participación do 93%. Do total de persoas convocadas (136), presentáronse finalmente 126.

A primeira quenda da xornada de inicio das probas transcorreu sen incidencias e o exame desenvolveuse con total normalidade. Pola tarde, continuarán os exercicios para a funcionarización do grupo I de persoal laboral no grupo A1 de persoal funcionario e do grupo III no grupo C1 de persoal funcionario. Este domingo, realizaranse as probas para funcionarizar ao grupo II de laborais no grupo A2 e xa pola tarde, será a quenda dos exames de funcionarización do grupo IV de persoal laboral no grupo C2 de persoal funcionario.

A funcionarización é un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento selectivo específico. A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia. Máis do 95% dos profesionais laborais fixos da Xunta solicitaron acollerse a este proceso.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha