- Con estas intervencións xa están en construción os 9 itinerarios ciclo-peonís financiados con fondos europeos
O proxecto Cicl-Ando Carballo cada día está un pouco máis preto de convertirse nunha realidade. Esta semana iniciáronse as obras da última senda na rúa Vázquez de Parga, polo que na actualidade xa están en construción os 9 itinerarios financiados con fondos europeos grazas a unha subvención de 1.713.295 euros.
A denominada Senda 8 conectará, ao longo de 531 metros, a zona urbana co polígono de Bértoa a través do itinerario xa existente na avenida do mesmo nome. Ademais de resolver os problemas das canalizacións existentes renovándoas e incorporando novos servizos, este traxecto resolverá un importante problema de mobilidade. «Resulta un paradoxo que a estrada AC-552 teña un carril por cada sentido de circulación e que unha vez que se mete no núcleo urbano teña dous por sentido, cando nesta zona non existe un incremento da IMD respecto do treito anterior», apuntan os autores do proxecto.
O plan de actuacións contempla a creación dun carril bici de 2,5 metros de ancho na zona ocupada agora polos aparcamentos, que se manterán máis preto do eixo da estrada. Entre o carril bici e o aparcamento crearase unha franxa axardinada con céspede e árbores, mentres que a beirarrúa modificarase para eliminar as barreiras actuais. Sinalización e mobiliario urbano completan a actuación, que executa a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 256.960,34 €.