Iniciado o estudo que definirá os novos usos do Mercado Municipal de Carballo

1 minutes read

A Concellaría de Feiras e Mercados está a traballar no estudo de usos do Mercado Municipal. En febreiro do ano que vén rematarán a maioría das concesións actuais, e dende o departamento que dirixe Juan Seoane existe a determinación de revitalizar a tradicional praza de abastos de acordo coas demandas da sociedade actual. Con esa finalidade o Concello solicitou unha subvención á Xunta de Galicia dentro da convocatoria de axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes na comunidade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu ao Concello de Carballo unha achega de 7.623 euros, que supón a metade do custo do traballo que está a levar a cabo unha empresa especializada en mercados.

O obxectivo do estudo, que está en marcha nestes momentos, é realizar unha diagnose da situación actual do Mercado Municipal e establecer unha proposta de usos que contribúan á súa revitalización. As prazas de abastos, de feito, naceron coa finalidade de garantir as condicións hixiénico-sanitarias da venda de produtos en fresco, un aspecto superado hoxe en día. Os modelos de vida actuais abocan aos mercados a ocupar unha situación residual na maioría das localidades, pero no Concello de Carballo apostan pola súa praza, primeiro coa reforma integral impulsada hai 10 anos, e agora, tratando de encontrar un modelo axeitado ás necesidades da sociedade actual. Unha vez rematado o estudo, é intención da Concellaría de Feiras e Mercado poñelo en común co sector para tratar de establecer o modelo máis axeitado para Carballo.