- Para a tramitación deste expediente é necesaria a expropiación ao non dispoñer a promotora da actuación da titularidade do total da superficie de terreo incluído dentro do ámbito de actuación.
- Coa publicación no DOG, o proxecto de expropiación forzosa permanecerá en exposición pública durante o prazo dun mes.
Para o desenvolvemento deste ámbito a Xunta de Galicia iniciou a tramitación do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, no concello de Carballo, que é o instrumento de ordenación do territorio para planificar e ordenar as actuacións de creación de solo empresarial e ten por obxecto o desenvolvemento das actuacións de promoción pública previstas no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.
Para os efectos de fixación do prezo xusto, o seu pagamento ás persoas titulares de dereitos e a ocupación dos predios afectados, confeccionouse o oportuno proxecto de expropiación, de acordo coa normativa previamente citada. Este proxecto tramitarase polo procedemento de taxación conxunta e ten por obxecto a expropiación pola Consellería de Economía e Industria dos bens e dereitos necesarios para a execución do Plan Sectorial do polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, tendo a condición de beneficiaria Xestur.
A ampliación deste polígono industrial enmárcase na estratexia do Executivo autonómico de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial.
Sométese agora a información pública polo prazo dun mes, mediante a inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia, o citado proxecto de expropiación forzosa, para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e as reclamacións que xulguen convenientes, en particular, no que atinxe á titularidade, bens ou valoración dos seus respectivos dereitos.