- As persoas que desexen optar a unha das 100 prazas convocadas deben solicitalo na súa oficina de emprego ou no Concello
O Concello da Laracha ten en marcha o proceso de selección dos participantes que formarán parte do programa integrado de emprego (PIE) que desenvolverá nos próximos meses en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. O obxectivo desta iniciativa é lograr a inserción laboral de polo menos un 36 por cento de participantes dun total de 100.
As persoas interesads nesta convocatoria deben estar desempregadas e dadas de alta como demandantes de traballo na oficina de emprego, ademais de estar interesadas na realización de accións formativas das características que se ofertan. Tamén se ofrece a posibilidade de solicitar a participación no procedemento de selección directamente no Concello ou chamando ao 981612811.
O novo programa integrado de emprego da Laracha contará con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo. A duración do mesmo será de doce meses. Esta será a terceira edición que se vai realizar no municipio larachés. Nesta ocasión o tipo de formación ofertada centrarase en sectores tan diversos como o comercio, a loxística e a atención sociosanitaria a persoas dependentes; especialidades con demanda actual de traballadores cualificados.
Os participantes, que sempre contarán co asesoramento dos orientadores laborais, poderán decidir realizar algunha desas sete accións formativas do catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal: iniciación á creación de páxinas web, desenvolvemento web para comercio electrónico, coordinación e apoio á dirección de recursos e servizos dirixidos ás persoas maiores, atención sociosanitaria a persoas dependentes con alzhéimer ou outras demencias en institucións sociais, organización de almacén, xestión loxística e mellora da xestión do stock e beneficios en comercio.
O orzamento do programa integrado de emprego ascende a 250.000 euros.