Este mesmo luns abrirase o proceso de selección da entidade financeira colaboradora na xestión da nova edición do bono turístico, coa previsión de que quede resolto en pouco máis dunha semana. Así, está previsto tamén que sexa posible abrir a comezos de marzo o prazo de adhesión das empresas turísticas interesadas para que a mediados dese mes se poida publicar xa a nova convocatoria.
Así o avanzou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen confía en que se repita a historia de éxito de principio a fin da anterior edición, que foi moi ben acollida esgotando en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles e con case 1.200 establecementos turísticos adheridos. Esta iniciativa pioneira permitiu inxectar 7,7 millóns de euros ao sector converténdose nun balón de osíxeno de liquidez sobre todo na tempada baixa a través do turismo interno dos propios galegos e galegas que se animaron a descubrir a súa comunidade. De feito, os meses de maior consumo foron os de terceiro trimestre, o que da unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida.
