- Estas actividades desenvólvense nos centros escolares baixo tres bloques: habilidades sociais, información sobre substancias aditivas e o uso responsable da tecnoloxía
A asociación Vieiro puxo en marcha este mes o programa ‘Creando saúde’, enmarcado dentro das súas actividades no ámbito escolar. Esta iniciativa está destinada a rapaces que están cursando 5º e 6º de primaria nos colexios do municipio de Carballo.
‘Creando saúde’ está dividido en tres bloques: Constrúe, para proporcionarlles aos alumnos habilidades persoais e sociais; Ti elixes, onde se facilita información sobre substancias aditivas; e Des-conecta, sesións de coñecementos básicos sobre como usar as tecnoloxías con responsabilidade.
O programa desenvólvese durante o primeiro trimestre do curso escolar. As sesións, de 55 minutos, son impartidas por dous educadores sociais e unha pedagoga.