- O documento atópase en fase de información pública durante dous meses para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións
Tras a publicación do anuncio de información pública do Plan especial de ordenación de Pedra do Sal no Diario Oficial de Galicia o pasado día 22, esta semana comezou o prazo legal de dous meses para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e, de ser o caso, presentar as alegacións que estimen oportunas. De xeito paralelo, o Concello de Carballo puxo a disposición dos titulares catastrais dos terreos afectados un servizo de atención ao público individualizado.
O equipo redactor comezou este martes coas citas, que deben solicitarse previamente no número de teléfono 981704705. O servizo estará dispoñible durante o período de información pública todos os martes, de 17.00 a 20.00 horas, e os mércores, de 09.30 a 13.30 horas, no Fórum Carballo. As persoas que non poidan desprazarse ao Fórum poderán pedir cita telemática. En todos os casos é imprescindible achegar a notificación individual na que figuran os datos da parcela.
Tamén continúan as sesións informativas no Centro Social de Imende. Por terceira semana consecutiva, este xoves o equipo redactor ofrecerá a información correspondente ás persoas que formalizaron a súa inscrición durante o período habilitado con esa finalidade.
