Iniciado o tratamento das palmeiras afectadas pola praga do picudo vermello en Carballo

Unha empresa especializada fíxose cargo da revisión dos distintos exemplares de Phoenix canariensis que están repartidos pola zona urbana e por distintas parroquias, e, segundo o informe presentado o pasado día 9, todas están en bo estado agás a do xardín da Praza do Concello, a que está situada xunto ao edificio de Facenda e unha da Praza de Vigo, todas elas cun nivel de afección de entre 3 e 4 sobre 5. Na Praza de Vigo hai outra que está no nivel 2. O resto mantéñense no nivel 1, de momento sen contaxio evidente.

Nos casos máis graves detéctase asimetría na copa e a caída da coroa foliar sobre as follas. Dado o avanzado da afección, as de Facenda e a Praza de Vigo considéranse irrecuperables, e tamén hai moitas dúbidas sobre a supervivencia da gran palmeira do xardín, pero “aínda que a recuperación é incerta, cunha baixa porcentaxe de salvación, polo seu emprazamento e porte merece un intento de recuperación”, indican os especialistas.

Nestes momentos está en fase de avaliación o estado das palmeiras situadas nos colexios Bergantiños e Nétoma-Razo. En todos os casos, estean ou non afectadas, realizarase un tratamento preventivo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e a coordinadora da brigada municipal de xardíns, Cristina Vázquez, realizaron un seguimento da intervención técnica, que nesta primeira fase consistiu na aplicación dun tratamento de endoterapia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha