Iniciados os contactos para favorecer a recuperación turística no Courel e Valdeorras


Co obxectivo de favorecer a recuperación da actividade turística no Courel e Valdeorras así como apoiar o tecido socioeconómico con medidas de reactivación, a directora de Turismo de Galicia reuniuse en Folgoso do Courel con representantes municipais e do sector na que se expuxeron distintas liñas de actuación.

Nava Castro indicou que a situación provocada polos lumes determinaba levar a cabo “accións de xusta solidariedade cos territorios afectados” e así manifestou que desde o punto de vista da actividade turística, é preciso artellar mecanismos de colaboración para atender á pronta recuperación destas comarcas contribuíndo así a manter a actividade económica do territorio.

Nesta reunión, na que tamén participaron a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o presidente de AGAVI, Juan Rivadulla; o presidente da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, e representantes de establecementos e servizos turísticos das comarcas afectadas, presentouse tamén o convenio que subscribirá Turismo de Galicia con AGAVI para a creación de novos produtos turísticos que poñan en valor os recursos máis destacados destas zonas.

Estes produtos incluirán seis categorías con paquetes orientados aos espazos naturais, turismo ornitolóxico, turismo activo e turismo de aventura.

Ademais, desenvolveranse produtos turísticos que axuden á posta en valor do patrimonio, tanto material como inmaterial; paquetes centrados na enogastronomía; outros con atractivo específico como o starlight, turismo industrial ou actividades que poñan en valor o atractivo turístico dos encoros, así como paquetes relacionados co Camiño de Inverno e outros que poidan poñer de relevancia outros recursos turísticos endóxenos.

A través deste acordo crearanse 45 paquetes turísticos cun investimento de máis de 90.000 euros.