O Castro da Cidá, situado na parroquia de San Xoán de Borneiro, destaca pola súa caracterización estrutural e polo excepcional conxunto de construcións que ilustran o urbanismo castrexo. Trátase, ademais, dun complexo altamente coñecido na bibliografía arqueolóxica galega por ser un dos primeiros estudados da Idade de Ferro. En total, ten unha trintena de vivendas de planta circular simple ou ovalada nas que se atoparon útiles de ferro e bronce, muíños, moldes e outros elementos.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, visitaron o Castro da Cidá de Borneiro para informar que a Xunta iniciou os traballos de conservación e posta en valor do castro, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2011 e no que se investirán case 10.000 euros.
En concreto, a intervención consistirá en limpar, consolidar e repoñer as coroacións dos muros que o necesiten, reparar as perdas de materiais e os puntos que presenten problemas estruturais de estabilidade e acondicionar a zona de paso da plataforma de madeira.
Por outro lado, aproveitarase para actualizar a documentación do castro mediante levantamento topográfico, fotografía aérea e ortografía xeorreferenciada. Os traballos complétanse cunha visita guiada e comentada ao xacemento que se fará unha vez rematada a actuación co fin de dar a coñecer á comunidade local e a todos os interesados os resultados dos traballos e os valores propios do sitio.
